Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Para Lois Pereiro, Monforte era como o centro do mundo»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Patiño publicará este ano dous traballos ensaísticos sobre o poeta

13 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Antón Patiño presentou o pasado venres en Monforte Lois Pereiro. Radiografía do abismo, o primeiro dos dous libros que dedica ao poeta monfortino, con quen mantivo unha grande amizade. Dentro de pouco sairá Dicionario de sombras. Patiño prepara ademais dúas exposicións sobre Pereiro, unha na Coruña e outra en Madrid.

-Pese a ser os dous de Monforte e case da mesma idade, vostede foi coñecer a Lois Pereiro en Madrid.

-Si, pero non é tan raro, porque a miña familia era un pouco nómade e de rapaz só vivín durante un tempo en Monforte. Seguro que coincidimos moitas veces, porque eu fixen un curso no colexio Escolapios, onde tamén estudou el, pero non nos tratamos ata máis tarde. Despois fomos moi amigos, colaboramos na revista Loia, onde publicou os seus primeiros poemas, e estivemos xuntos moitas veces en Monforte.

-¿En que medida influíu Monforte na súa formación vital e cultural?

-Para Lois Pereiro, Monforte era como o centro do mundo, era o seu principal espazo vital e de afecto, onde vivían os amigos de sempre, cos que nin sequera era preciso falar para entenderse. Monforte tamén deixou nel unha pegada cultural moi fonda. Na súa época, a cultura humanística e literaria tiña moito peso no colexio dos Escolapios e iso foi moi importante para a súa formación como escritor. Tamén estaba o cinema, que para el tiña tanta importancia como a literatura ou a música. Neses tempos o cinema era moi popular en Monforte e nos cines Capitol e Lemos botaban filmes novos case todas as semanas. Para Lois tamén foi importante a presenza en Monforte de Manuel María, que o axudou a contactar coa tradición literaria galega. No plano literario son moi desemellantes, as súas obras teñen moi pouco que ver unha coa outra, pero entre os dous sempre houbo moito respecto mutuo.

-¿Ata que punto a cidade foi para el un espazo literario?

-Monforte está moi presente en forma de metáforas en todos os seus libros, non só súa poesía, senón tamén nos seus ensaios e na súa única novela. A súa obra está moi marcada pola paisaxe e o ambiente de Monforte, esas néboas pechadas que duran semanas enteiras, esa sensación de illamento e misterio, a presenza do ferrocarril... Esas imaxes son como tatuaxes de melancolía, como efectos especiais que crean un clima moi particular, como de señardade nórdica. Identificábase tanto con esas imaxes que el mesmo parecía un farrapo máis de néboa na fachada da Compañía. A Lois gustáballe moito un filme británico de David Lean, Brief encounter, que se titulou en español Breve encuentro, e víalle moita semellanza co ambiente de Monforte, coa súa néboa e os seus ferrocarrís. Teño estado moitas veces con el na vella cafetería da estación, que era como un espazo cinematográfico, con aquel ambiente tan peculiar que tiña e que el apreciaba moito.

Antón patiño pintor e escritor monfortino