Arredor de 250 ximnastas rítmicas competirán mañá no Memorial Rodrigo Vázquez

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A cita será este mércores, día 1, no Pavillón Multiusos de Vilanova durante toda a mañá

30 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Club Ximnasia Rítmica Arousa da Illa organizará na mañá de mañá mércores, 1 de maio, a décimo sexta edición do Memorial Rodrigo Vázquez, o campionato que cada ano recorda a figura de quen foi o pioneiro da ximnasia rítmica no Salnés e un dos responsables de formación do club insular.

Entre as 9.30 e as 13.30 horas, no Pavillón Multiusos de Vilanova de Arousa, son da orde dunhas 250 deportistas de dúas decenas de clubs as que tomarán o recinto deportivo para competir no torneo. Delas, 32 da entidade organizadora. Unha participación que contará tamén con cinco rapaces e mozos, punto este que o C.X.R. Arousa quere salientar, no seu empeño por animar os nenos a practicar un deporte que, como calquera outro, non ten sexo.

Dous competidores nacionais

Neste punto, a adestradora do club illense, Lúa Bouzas, salientaba onte a condición de competidores no Campionato de España dos dous ximnastas masculinos do club. O illense Noé Charlín, que o ano pasado disputou o Nacional de categoría absoluta, pendente neste do torneo de clasificación. E o vilagarcián Enzo Pintos, que vén de ser sexto no Campionato de España Base Individual.