A AED abre hoxe o prazo de anotación para o Programa de Mulleres Rurais, con 35 prazas

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

DEZA

09 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres restan só cinco prazas por cubrir para o Programa Integrado de Emprego (PIE), que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia lle otorgou novamente á Asociación de Empresarios de Deza e que comezará a súa etapa formativa o próximo luns, hoxe ábrese o prazo para anotarse no Programa de Mulleres Rurais.

Un proxecto, que se levará a cabo por primeira vez na sede da patronal dezá, e que vai dirixido a un total de 35 mulleres desempregadas. «Seguirase unha metodoloxía moi similar ao Programa Integrado de Emprego, pero neste caso é só para as que precisen de cualificación para acceder a un determinado traballo ou volver a formarse», explicou o responsable do programa na AED Daniel Fuentes. Doce das 35 prazas que se ofertan serán para mulleres empadroadas en concellos de menos de 5.000 habitantes, e a fase formativa comezará unha vez se completen as prazas dispoñibles, sendo o obxectivo final deste programa «lograr a inserción laboral das participantes ao igual que se procura no Plan Integrado de Emprego», engadiu Fuentes.

No que se refire ás cinco prazas vacantes que restan para o sexto PIE deste ano e cuxo prazo de inscrición está aberto ata este venres, estenderase ata o próximo mes de novembro. Os perfís que restan por cubrir son de veciños da comarca que sexan menores de 30 anos, con ou sen cualificación, pero desempregados en todos os casos. Según o responsable do PIE na Asociación de Empresarios de Deza atopar determinados perfís que «nos resultaban difíciles de localizar antes xa non o son a día de hoxe en boa medida pola colaboración do Servizo de Orientación Laboral do SEPE, de identidades colaboradoras que somos na AED de orientación e iso fai chegar a máis xente a este tipo de programas que levamos a cabo dende a asociación».

Os cen participantes do Programa Integrado de Emprego recibirán dende o próximo 15 de xaneiro asesoramento individualizado e as formacións que están no catálogo deste ano «orientadas a atopar traballo o antes posible. O obxectivo último é lograr a inserción laboral dos participantes, e cumprir co mínimo que se nos require, e por suposto superalo como se fixo nas últimas edicións», apuntou Fuentes. O Programa Integrado de Emprego require cun mínimo do 45 % dos participantes acceda ao mercado laboral; porcentaxe que superou a patronal comarcal nos cinco últimos programas outorgados. No anterior foron 72 as persoas que lograron insertarse laboralmente, e 88 chegaron a traballar nalgún momento ao longo da etapa formativa e de seguemento do programa; «resultados finais que intentaremos igualar ou mellorar nesta nova etapa que comeza», según Fuentes.