A Deputación de Lugo organiza 17 rutas gratuítas para poñer en valor o románico da provincia

la voz LUGO

LUGO

Ábside románico de la iglesia del convento de Ferreira de Pantón
Ábside románico de la iglesia del convento de Ferreira de Pantón ALBERTO LÓPEZ

Serán roteiros guiados por concellos con patrimonio medieval e celebraranse en varios días do mes de maio

29 abr 2024 . Actualizado a las 19:14 h.

A Deputación de Lugo organiza o vindeiro mes de maio 17 rutas gratuítas para poñer en valor o románico da provincia. As rutas, que contarán cun guía oficial de turismo, terán lugar os días 4, 5, 9, 11 e 12 do vindeiro mes, e as inscricións, obrigatorias, poderán realizarse desde este luns na web da Deputación.

Fanse en maio para conmemorar o Día da Transrománica, que se celebra o 9 de maio coincidindo co Día de Europa. Cada itinerario conta cun máximo de 20 prazas, polo que no conxunto do programa ofértanse 340 prazas. As rutas non inclúen servizo de transporte, polo que os participantes deberán desprazarse por conta allea ata o lugar onde se desenvolve cada un dos itinerarios.

Ademais da web, as persoas interesadas tamén poderán anotarse chamando aos teléfonos 982 260 011 e 982 260 234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org.

O programa das rutas é o seguinte:

Sábado, 4 de maio

  • - 10:30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Antas de Ulla.
  • - 16:30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Palas de Rei e Monterroso
  • - 16:30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel

Domingo, 5 de maio

  • - 10:30 horas. A basílica de San Martiño de Mondoñedo
  • - 11:00 horas. O románico de Chantada.
  • - 16:30 horas. Taboada: O románico menos coñecido.
  • - 17:00 horas. O Románico Urbano. Visita a unha importante vila medieval no reino de Galicia: Viveiro.

Martes, 9 de maio (Día da Transrománica)

  • - 11:00 horas. A Catedral de Lugo e a cidade medieval.
  • - 18:30 horas. Presentación da Guía Lugo Románico: Lugo, Terra Chá, A Mariña. No claustro da Catedral de Lugo.

Sábado, 11 de maio

  • - 10:30 horas. Monforte Monumental
  • - 11:00 horas. O Románico no Camiño de Santiago: Portomarín e Paradela.
  • - 16:30 horas. Sarria: O Románico nos Hospitais Medievais de Peregrinos.
  • - 16:30 horas. O Saviñao: Románico con vistas ao Miño.

Domingo, 12 de maio

  • -11:00 horas. Tesouros do Románico Rural en Lugo e Guntín.
  • -11:00 horas. Santa María de Meira.
  • -11:00 horas. Pantón: A Ruta do Monacato Feminino.
  • - 16:30 horas. Dez séculos no concello de Sober: Dos Romanos ao Románico.

A Ruta Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa

Trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románica situadas noutros tantos concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.