Xacobe Bruña, actor lucense da película As Neves: «Impresionou que no Festival de Málaga nos felicitasen tanto»

RAQUEL GONZÁLEZ LUGO / LA VOZ

A FONSAGRADA

Xacobe Bruña no Festival de Málaga
Xacobe Bruña no Festival de Málaga Daniel Pérez | EFE

O filme de Sonia Méndez rodado na Fonsagrada chegou ata a unha das grandes citas do cine español

09 mar 2024 . Actualizado a las 13:31 h.

O Festival de Málaga conta este días con varias propostas audiovisuais que chegan dende Galicia, e concretamente Lugo. Unha delas gravada en A Fonsagrada e outra en Vilalba. A primeira é «As Neves», a ópera prima de Sonia Méndez coa que tres actores lucenses foron protagonistas, no filme é o festival. Un deles é Xacobe Bruña, que se pasou polo programa de Radio Voz.

—Como foi traballar con Sonia e que nos contas do papel protagonista e desta incursión no mundo do cine?

—Eu xa estiven vinculado a algúns proxectos a nivel pequeno pero nunca fixera algo tan grande, con tanta financiación. É unha película de renome. A experiencia foi incrible porque é o traballo interpretativo na maior escala. Traballamos cun equipo técnico enorme, con moitísima xente e moitísimos postos de traballo. É algo que nunca vira de cerca, só cando ía ver películas. Foi un aprendizaxe total. Con Sonia moi ben porque sempre tivemos a liberdade de facer e levar a nosa personaxe onde nos queríamos, non tivemos ningún impedimento e Sonia tíñanos nun pedestal a todos os actores.

—Sodes un grupo de cinco actores moi novos.

—Si, ao festival fomos cinco pero somos catro máis que non puideron vir, en total somos nove.

A directora Sonia Méndez, segunda pola esquerda, con cinco dos actores de «As Neves»
A directora Sonia Méndez, segunda pola esquerda, con cinco dos actores de «As Neves» Daniel Pérez | EFE

—Na faceta de interpretación, que diches de ti? Ves do mundo da danza, onde tamén hai que dalo todo.

—Pois aínda había algo de danza na película, hai una festa na que hai unha escena de baile que estivo moi ben. Diría que din unha cara ou un personaxe que non ten moito que ver comigo pero concentreino todo e creo que acabaou sendo unha personaxe divertida que lle dá un contrapunto á película que creo que é moi interesante. Poderase ver cando se estree, o 10 de maio.

—Ademais rodada na Fonsagrada con paisaxes moi familiares.

—Si, totalmente.

—Como foi compartir a experiencia con oito persoas da túa idade?

—Moi ben, non nos coñecíamos entre nós. Ningún de nós traballara no audiovisual, menos David que foi protagonista doutra película de director galego e era o único que tiña máis experiencia. A verdade é que conectamos moi ben e o froito desa conexión fixo que na película se reflectise, o grupo que fixemos está no filme.

—Levas uns meses en Madrid estudando Arte Dramático e xa te estreas ao grande.

—A verdade é que si.

—Cóntanos da trama da película.

—É unha película dun grupo de rapaces que viven illados na montaña galega, xorde un acontecemento e quedan incomunicados. De feito cando fomos a gravar case non puidemos ir a Fonsagrada pola neve. Subimos escoltados por Protección Civil. A raíz disto xorde un conflito que veredes na película e a partir de desenvólvese todo.

—Cando se gravou?

—En decembro do 2022, hai algo mais de un ano.

—Cal foi a túa impresión da montaxe final?

—A miña primeira reacción do primeiro montaxe foi que da cantidade de traballo, no meu caso por exemplo, o que se ve la película é un cachiño moi pequeniño. Eu porque son da parte artística e esta o meu corpo e a miña imaxe na pantalla, pero hai moitos corpos que están traballando que non aparecen. Aportan dende a produción, parando un coche para que non faga ruído mentres se roda, o catering, a cor, a que suxeita unha pértega, a que move o contrato para ter subvencións... Hai moitísima xente neses bloques que conforman a película que non somos conscientes. Non só son os actores e a dirección. Temos unha industria en Galicia moi boa con profesionais boísimas e é algo para ter en conta. A industria audiovisual galega é moi potente e poden saír moi boas películas.

—Que tal foi a reacción do público en Málaga?

—Moi bo, impresiona que feliciten tanto, parece que necesitas contrastalo. Todo son boas opinións. Acabou a presentación da película e o público levantouse e aplaudiu. Foi un subidón total.

—Agora toca retomar os estudos pero presentaraste a tódolos casting non?

—Si.

—En Madrid haI máis oportunidades?

—Hai máis xente, pódeste mover mais facilmente, pero en Galicia tamén as hai. A solución non é Madrid, senón que cada persoa decida o que necesita.