Así é o Conxunto Vocal Lugh: 25 anos espallando música desde Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O Conxunto Vocal Lugh ensaia dúas veces por semana no Multiusos da Xunta.
O Conxunto Vocal Lugh ensaia dúas veces por semana no Multiusos da Xunta. Óscar Cela

A agrupación, que naceu no seo da asociación de funcionarios da Xunta, leva máis de 200 concertos por toda España e Portugal e está especializada en temas populares

07 may 2024 . Actualizado a las 14:25 h.

A paixón pola música coral une á cerca da trintena de integrantes que dan vida ao Conxunto Vocal Lugh, unha agrupación que está de aniversario: 25 anos e unha historia de máis de 200 concertos por toda España e Portugal. Para festexalo, entre outros actos, o 9 de xuño pola tarde ofrecerán un concerto moi especial, dedicado a Lugo: «Será no Multiusos da Xunta e facemos un chamamento a todas as persoas que estiveron no coro nalgún momento por se queren participar cantando algunha peza con nós», puntualiza Jesús Díaz, presidente da coral. Esta actuación completarase cunha xira que os levará fóra das nosas fronteiras, incluíndo, probablemente, paradas en lugares como Venecia ou Marrocos.

O Conxunto Vocal Lugh naceu no ano 1999, no seo da asociación de funcionarios da Xunta (Xungalu), con Fernando Gómez Jácome como director desde os seus inicios. No ano 2022 desvinculouse de Xungalu e constituíuse xa como asociación cultural. «Pero non temos máis ca palabras de agradecemento para Xungalu, sobre todo para Tita Franco e para Lucas de Las Heras», matiza Díaz. A pesar de non ser un coro profesional e malia a súa humildade, o Conxunto Vocal Lugh ten desenvolvido importantes proxectos culturais: posta en escena da primeira zarzuela escrita en galego, Non chores Sabeliña, con música de Gustavo Freire e libreto de José Trapero Pardo; participaron no 140 aniversario da Banda Municipal de Lugo; estrea de O carro, de Manuel María, con música de Mero, na palleira da Casa-Museo Manuel María; ou a participación no programa As Voces do Camiño, con varios concertos pola ruta xacobea, incluíndo a Catedral de Santiago.

Composicións propias

O seu repertorio é moi variado, tanto en estilos como en épocas, pero Jesús Díaz explica que a música galega ocupa un lugar moi importante: teñen temas populares de Galicia e do resto de España, tangos, música portuguesa, sacra... «Tamén contamos con varias cancións propias, compostas por Jácome, que lle puxo música a poemas de integrantes deste coro, como Toño Núñez, Chelo ou Curra Figueroa», engade. Pola súa banda, o director, que é quen se encarga de elixir o repertorio, explica que opta por partituras compostas á medida das posibilidades do coro, e estas van cambiando ao longo dos anos, o que o obriga tamén a facer algúns arranxos en ocasións.

O problema ao que se enfronta a coral e á perda de integrantes, que se agudizou coa pandemia, na que se reduciu o elenco case á metade. Tamén precisan a entrada de xente nova. Na actualidade, son 26 os compoñentes da agrupación, de entre 30 e 90 anos: cinco tenores, seis baixos, sete sopranos, sete contraltos e un director. Pero necesitan incrementar o persoal, sobre todo en canto a tenores e baixos. Nin a formación musical nin ser funcionario nin a idade son requisitos para formar parte do coro, pero si o é o amor polo canto: «Aquí hai de todo, xente con estudos musicais e xente sen eles. O director, Fernando Gómez Jácome, facilita moito todo o traballo, é unha delicia ensaiar con el. Son esenciais as súas ensinanzas e asistir aos ensaios. Iso si, tenche que gustar cantar. Ademais, é algo moi gratificante», aclara Jesús Díaz.

Hai menos coros nos colexios

O contexto social tamén inflúe, posto que os cambios na sociedade afectaron ás agrupacións corais, cada vez máis desligadas do ensino. «O panorama musical en Lugo é moi bo, pero creo que rachou a cadea que unía a escola cos coros de adultos. Antes había moitos profesores de música que poñían os nenos a cantar, e creábanse coros nos institutos, por exemplo. Hoxe en día, os profesores están saturados de actividades e burocracia e vai minguando a canteira, polo que o sector está máis envellecido (...) A canteira de xente nova agora está no Conservatorio», expón Gómez Jácome.

A coral precisa máis integrantes, sobre todo tenores e baixos

O director, Fernando Gómez Jácome
O director, Fernando Gómez Jácome Óscar Cela

Fernando Gómez Jácome, director: «Este non é un coro profesional, pero hai que ser cantareiro para entrar. Se nunca cantas, por algo é»

O músico Fernando Gómez Jácome (Lugo, 1967), que leva na dirección musical máis de tres décadas, dirixía os coros Solo Voces e o do Hospital cando aceptou, hai 25 anos, encargarse tamén do Conxunto Vocal Lugh. Son só algúns exemplos dos proxectos musicais nos que está inmerso.

—Como se xestiona a dirección de tantos proxectos diferentes?

—É un traballo que tiven que ir aprendendo cos anos. Cada formación é un mundo, e máis aló do aspecto musical, que neste caso cumpre unha función social e mesmo terapéutica, hai que saber xestionar tamén diferentes personalidades. De feito, creo que non estaría mal incluír a psicoloxía nos libros de música.

—Hai que ter estudos musicais para entrar no coro?

—Non. Este non é un coro profesional, pero hai que ser cantareiro. Esa xente que canta na ducha, na cociña, mentres limpa... xa ten un punto ao seu favor. Se nunca cantas, é por algo, porque non tés esa pulsión interna. Despois, antes de comezar na coral, fánselles unhas probas nas que teñen que cantar unhas escaliñas para ver como teñen o oído e a voz.