Maior presenza para a artesanía no casco histórico de Ourense

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, inaugurou a feria anual da cidade

27 abr 2024 . Actualizado a las 17:35 h.

A Feira de Artesanía de Ourense é un clásico. A asociación que reúne aos profesionais do sector na provincia hai anos que decidiu apostar por darlle visibilidade ao seu traballo e a convocatoria anual vai camiño dos trinta anos sendo unha das referencias na primavera ourensá. Unha cita fixa no calendario para coñecer e mercar o máis variado e actual da artesanía que se está a facer en Galicia e, polas datas nas que se celebra, un espazo no que atopar o agasallo recomendado para o Día da Nai —como lembran dende a Asociación de Artesáns de Ourense—.

A edición deste ano chegaba con moitos cambios e novidades —motivados polo acontecer da política galega e ourensá— e esa circunstancia adquiriu a condición de protagonista na inauguración oficial da feria. Novos presidente da Deputación, delegado da Xunta na provincia e director xeral do departamento ao que está adscrito Artesanía de Galicia: Luis Menor, Manuel Pardo e Gabriel Alén respectivamente.

Para o exalcalde de Cenlle e exdelegado da Xunta en Ourense a convocatoria cadruolle na mellor das datas; o nomeamento fíxose efectivo o venres e o sábado estaba na inauguración da feira. «É o meu primeiro acto oficial como director xeral de Comercio e Consumo, e en Ourense, co cal é unha verdadeira satisfacción e un privilexio. A nosa aposta pasa, entre outras cousas, pola innovación e a dixitalización dun sector do que nos sentimos especialmente orgullosos e dende a administración estamos a apoiar porque é estratéxico para nós», sinalou Alén.

O novo responsable de Comercio e Consumo tivo palabras de eloxio e recoñecemento para o traballo desenvolvido polo seu antecesor no cargo, Manuel Heredia, e de gratitude para Elena Fabeiro —xerente da fundación Artesanía de Galicia—, de quen dixo que é a mellor coñecedora do sector «e de quen debemos deixarnos aconsellar». Tamén lle deu ánimos ao seu sucesor á fronte da delegación da Xunta en Ourense: «Os meus parabéns ao amigo Manuel Pardo, que está chamado a facer un extraordinario traballo», sinalou.

Luis Menor tamén afrontaba a súa primeira cita coa feira, e fíxoo en modo reivindicativo logo de felicitar ao director xeral. Despois de gabar o traballo dos artesáns —«Polo valor engadido que supón para a economía e a actividade comercial da nosa provincia»— referiuse a unha reunión coa presidenta dos artesáns ourensáns, Olga Santos, para deixar constancia da súa aposta polo sector. Ademais de coincidir na necesidade de potenciar a formación e a promoción dos seus produtos, fixo público o seu compromiso para apoiar a presenza dos artesáns e os oficios tradicionais no casco histórico da cidade: «É un obxectivo que debemos perseguir e no que nos implicaremos activamente», sinalou.

A representante do Concello de Ourense, Noa Rouco, salientou o esforzo do colectivo. «El trabajo de los artesanos destaca por su creatividad, tradición y apuesta por la economía local en estos tiempos del mercado globalizado. Crean algo personal, diferenciado, que le aporta un valor añadido al ciudadano», sinalou.

Traballo en vivo e sorteos

A presidenta dos artesáns ourensáns, Olga Santos, lembrou que levan preto de trinta anos loitando por dar visibilidade ao sector e que algúns dos que participan na feira levan acudindo á mesma desde a súa primeira edición. A vixésimo sétima convocatoria da mostra estará aberta ao público na praza Bispo Cesáreo ata o día 5 de maio. Haberá demostracións en vivo —este sábado co oleiro Miguel Carrera— e sorteo de pezas.

A Real Banda de Gaitas da Deputación actuou na inauguración.